Recuperamos, neste curso dedicado a viaxes e descubrimentos, unha das primeiras obras comentadas nesta sección do blogue da biblioteca. Trátase dun clásico da narrativa do século XX, clasificable como ciencia ficción, que se publicou en 1950 e narra as viaxes de colonización de Marte, por parte dos terrícolas, entre 1999 e 2026. A novela, lida hoxe, época en que se desenvolvería a súa acción, resulta encantadora pola inocencia coa que pinta as viaxes interplanetarias e a vida en Marte.
A obra está moi ben escrita, alternando capítulos de fermoso lirismo con outros de áxil estilo narrativo, moi cinematográficos. Pódese desfrutar como obra de puro divertimento, pero tamén como crítica da soberbia do ser humano, que tenta de impor a súa "civilización" mesmo alí onde xa existe outra. É unha obra marabillosa.
Susana Piensos.
Ningún comentario:
Publicar un comentario