mércores, 28 de marzo de 2018

OS NENOS DA VARÍOLA , María Solar



http://editorialgalaxia.gal/produto/os-nenos-da-variola/

Cando era pequena, recordo que sempre tiña esa sensación de medo e angustia ao saberen que ese día tiña que ir ao médico a poñer unha vacina. Como era normal, non sabía que era o que me estaban a inxectar, soamente que aquilo axudaríame a non contraer unha enfermidade perigosa. Agora, como estudante de bioloxía, sei que a vacina está composta por microorganismos atenuados ou mortos dunha enfermidade co fin de xerar a inmunidade contra esta grazas á produción de anticorpos. Sen embargo, non sabía nada acerca da súa orixe, soamente que Louis Pasteur fora un dos pioneiros. Por iso 'Os nenos da varíola' ademais de ser un libro entretido ten un fin instrutivo. Nestas páxinas conta a ousada e esquecida historia do que sería a primeira expedición sanitaria internacional, que pretendía levar a vacina da varíola a América a través duns nenos que a transportarían no seu corpo. A obra está escrita cunha linguaxe sinxela que respecta a normativa, sen vulgarismos. A lectura é áxil e amena dirixida a todos os públicos.

En España reina Carlos IV (1788-1809) con Manuel Godoy como secretario de Estado, quen pecharan a fronteira con Francia tras a Revolución francesa (1789) para evitar o contaxio de ideas liberais. A situación cambiou coa subida ao poder de Napoleón en 1799, polo que España fíxose aliada de Francia. Posteriormente, no ano 1808 comezaría a ocupación dos franceses co pretexto de querer invadir Portugal e daría lugar a Guerra de Independencia (1810-1814). A historia sitúase en 1803, na Coruña, onde Carlos IV permite a expedición da varíola xa que un dos seus familiares sufríraa e está encabezada polo médico da corte, o doutor Balmis. A acción desenvólvese principalmente no hospicio e hospital da cidade galega , lugar no que se realizarían os preparativos. Coñecemos a habitación da reitora onde dirixía a Institución e Ezequiel aprendía a ler, o patio e as habitacións onde os nenos falaban e o corredor de espera para as nais de cría. No hospital destacan as salas onde están os pacientes e o despacho do doutor Posse. Ademais podemos imaxinar as rúas cheas de sucidade e embarradas, cos postos de comida nos que os expósitos as veces roubaban e onde moitos sen teito perecen a causa da varíola ou fame. Tamén podemos visualizar o porto da Coruña e os paseos con vistas a mar que realizaba o doutor Balmis.

A trama principal é sostida pola historia de Ezequiel, un expósito do hospicio da Coruña, que consegue ser o axudante da biblioteca do hospital. Este ten dous amigos, o débil Clemente, un neno que vese constantemente baixo o acoso dos matóns do hospicio, dos que sofre unha grave ferida e a malversación do seu alimento; e Inés, unha nena orfa por culpa da varíola, da que está namorado. Os tres pertencen ao hospicio que participou na expedición coa participación de 22 nenos que utilizarían o seu corpo como transporte da vacina. Polo tanto, o libro conta os preparativos que foron necesarios para organizar a expedición e no epílogo resume como se levou a cabo unha vez en América.

O hospicio é dirixido por Isabel Zendal, unha nai solteira a cargo do seu fillo Benito, que é admirada polo seu traballo como reitora. De feito durante todo o libro, ademais do narrador, os personaxes masculinos importantes como o doutor Balmis e o doutor Posse Roybannes ensalzan e fan constantes comentarios acerca do seu asombro polo bo traballo que realiza a reitora. De esta forma, aínda que Isabel é descrita como unha muller moza e bonita, non é xulgada polo seu aspecto, senón polos seus méritos. Por exemplo, isto pode verse no momento da despedida, xa que o doutor Posse esboza unha bágoa pola marcha de Isabel e dille que é a muller máis valente que coñecera, ao abandonar a súa terra e embarcarse naquela aventura. Obxectivamente, se temos en conta a época, as fortes influenzas relixiosas e a elevada analfabetización é pouco probable que pensasen isto, non obstante, un personaxe feminino descosificado contribúe a normalizar a visión dunha muller forte e independente nun libro apto para todos os públicos. Persoalmente como galega e coruñesa sentín un pouco de vergoña ao saber que nunca antes soubera da existencia desta muller e a súa importancia e dedicación na expedición, acompañando ao doutor Balmis e chegando ata territorios como Filipinas. Por iso, penso que outro dos puntos importantes do libro e lembrar un icono que é descoñecido pola xuventude, aínda que a OMS declarouna primeira enfermeira dunha expedición internacional, e que por iso conta cunha estatua no Parrote.

Un personaxe ao que é doado collerlle cariño é o doutor Posse Roybannes, un home de bo corazón que empéñase en dar oportunidades (a Ezequiel), perdoar (a Tomás), e loita constantemente por curar as persoas. Trátase do médico progresista que ten un afán por coñecer todos os avances e probalos a diferencia de moitos outros médicos da época. É así como utilizou a vacina da varíola na súa neta acabada de nacer, aínda que non sabía con certeza o que podería acontecer. Igualmente, non ve aos expósitos dunha forma negativa senón que os compadece, por iso ao coñecer a Ezequiel e sorprenderlle a súa espontaneidade decide contratalo como axudante de biblioteca. Así é como o neno tivo a oportunidade de aprender a ler, escribir e cálculo básicos, e contar con mellores roupas, zapatos e comidas. Poderíamos consideralo coma un ilustrado tardío nun país onde a ilustración non tivo tanta importancia pola escaseza dunha potente burguesía. Grazas ao doutor Posse aprendín a orixe da palabra vacina, xa que empregábase a varíola das vacas, que era menos forte, para inxectala en persoas que nunca antes sufriran a enfermidade e así desenrolaban as súas células de defensa contra a varíola humana.

Porén, o principal encargado da expedición é o doutor Balmis, un médico da corte de Carlos IV, reputado botánico e cirurxián, cuxa fama era soamente coñecida polo doutor Posse. Desde o momento que coñecemos a Balmis dámonos conta do seu perfil de intelectual progresista cunha personalidade ambiciosa e autoritaria. Veu acompañado por Josep Salvany e Lleopart, médico cirurxián e subdirector da expedición, desde Madrid xunto con catro nenos que portaban a vacina da varíola no seu corpo. Así necesitaría nenos sans do hospicio de Zendal para poder chegar a América e expandir a vacina. Balmis é un home educado e cortés, que está encantado de responder todas as dúbidas do doutor Posse, e así ambos teñen longas conversacións co fin de mellorar a medicina cos avances que van facendo, e polo tanto poder curar a un maior número de persoas. A varíola era unha enfermidade terrible que naquela época dependía da túa sorte, xa que o médico non podía facer nada. Ou morrías ou quedabas con marcas provocadas polos grans que producía a enfermidade. Ademais era altamente contaxiosa e afectaba a calquera persoa, sen importar o seu status social, aínda que tiñas máis posibilidades canto máis abaixo da pirámide social e da miseria estiveses. Con todo, hoxe en día témola a sorte de poder falar dela unicamente no pasado, xa que é a única enfermidade que a humanidade conseguira erradicar, quedado soamente unhas mostras nuns laboratorios. Esta labor foi posible grazas ao gran avance que supuxo esta expedición e a o seu posterior progreso nos séculos XIX e XX ata os anos oitenta, onde por fin se acabou con ela. Por iso, creo que o libro tamén transmite a idea de que calquera persoa pode cambiar o curso da historia, sen importar a súa orixe, xa que estes expósitos convertéronse en heroes.

Aínda que me gustaría que o libro fose máis longo e que contase a viaxe en barco e parte da expedición con máis detalle, gocei moito da súa lectura porque deume a coñecer un importante suceso histórico que antes descoñecía, e que creo que está un pouco esquecido de non ser por un libro coma este. Dinme conta que en ningún libro de texto aparecera este , nin tampouco nos puntos destinados especificamente a Galicia do momento. Do mesmo xeito, que ocorrera un avance científico de tal importancia co traballo e sacrificio que debeu dar, e non sexa nin mencionado na época na que estudamos na Guerra de Independencia paréceme indignante, e máis aínda como coruñesa. Por non falar da información que busquei sobre a orixe das vacinas en distintos lugares, onde a expedición tampouco é mencionada. Por iso, por unha parte o libro alegroume, porque aprendín algo novo, pero a vez deprimiume ao pensar como esquecemos ou menosprezamos sucesos tan importantes para a humanidade. Como non valoramos o que é noso, parte da nosa historia, parte do noso territorio. Esa indiferenza a saber que pasou no pasado, a soamente ver o que fixemos mal, e como non aproveitamos ou non nos axudan a querer cambiar esa actitude. Por que todos coñecemos ao francés Louis Pasteur e non ao doutor Balmis? Por que tanto el coma Isabel Zendal non aparecen nos libros de texto? Non creo que sexa positivo seguir sen recoñecer os avances e progresos que fixemos nos, sabendo so os das outras culturas e so tendo en conta os nosos fracasos. Ten que existir un balance entre correcto e incorrecto que nos axude a prosperar como pobo e que impida tanto o sentimento de inferioridade como o de superioridade. Por iso, é moi importante a existencia de obras coma esta que lembren a aquelas persoas que contribuíron no progreso e que ensinen aos máis pequenos que eles tamén poden cambiar o mundo nun lugar mellor. Obras que fagan que os nenos e nenas queiran converterse en Zendal e Balmis e non no invitado dun reallity show. Obras que animen a aprender por pracer e susciten a curiosidade do mundo. Obras que che fagan viaxar a través do tempo e o espazo, que che susciten emocións. Por que quen somos nós sen os sentimentos? Quen somos nós sen a literatura? Se ao final son soamente as emocións as que nos diferencian das máquinas.

CAROLINA OJEA VARELA
2º C de Bacharelato

(Traballo opcional para a clase de Lingua e Literatura Galegas da Pro. Benigna Vidal Tomé)

Ningún comentario:

Publicar un comentario