Iniciamos este curso, no que a Biblioteca do instituto vai traballar sobre viaxes e descubrimentos, recuperando unha das primeiras recensións aparecidas no blogue, aló polo ano 2014. Velaí vai....
"Sempre me gustou a literatura de viaxes. É unha forma cómoda de viaxar sen moverse do sillón. E sempre me gustou Mark Twain porque me encantan os escritores con sentido do humor. As crónicas de viaxes polo mundo deste marabilloso autor ofrecen ambas as dúas cousas: viaxes e sorrisos (gargalladas ás veces). Hoxe coméntovos brevemente Un ianqui por Europa camino de Terra Santa, onde Twain fai a crónica desa longa peregrinaxe, sempre cunha visión irónica do que se vai atopando: xentes, paisaxes,costumes.
Na obra está o mellor Twain:
.Irreverente:...Quero dicir catro palabras referentes a Miguel Anxo Buonarrotti. Eu soía adorar o espléndido xenio de Miguel Anxo -ese home grande en poesía, pintura, escultura e arquitectura- , grande en canto emprendeu. Pero non quero a Miguel Anxo como almorzo, comida, cea (...). En Xénova, el proxectouno todo. En Milán, el e os seus discípulos proxectárono todo (...). En fin, ese eterno latoso proxectou a Cidade Eterna e, se non menten os homes e os libros, pintou todo canto nela hai (...). Nunca me sentín tan fervorosamente agradecido, tan calmado, tan tranquilo, tan cheo de paz, coma onte, cando me enteirei de que Miguel Anxo estaba morto.
. Autocrítico: Unha pequeña mesquita está no lugar antano ocupado, segundo a tradición, pola vivenda da viúva. Dous ou tres árabes anciáns están sentados á entrada. Entramos e os "peregrinos" arrincaron mostras dos muros (...). Era case arrincar anacos do corazón daqueles vellos árabes.
. Reflexivo: Lagartos grises -eses herdeiros das ruínas e da desolación- móvense entre as rochas ou toman o sol, inmóbiles. Alí onde reinou e sucumbiu a prosperidade, onde houbo alegría e hai tristeza, onde brillou a pompa da vida, substituída agora polo silencio e a morte, alí establece o seu fogar o lagarto e búrlase da vaidade humana.
Ás veces, porén, algunhas das súas observacións sobre as xentes que se vai atopando resultan pouco respectuosas; aforro exemplos, que atoparedes en abundancia ao longo da obra, e que, aínda tentando entendelas como froito da mentalidade doutro tempo, son o que afea una obra, polo demais, moi recomendable."
Susana Piensos.
Ningún comentario:
Publicar un comentario