luns, 20 de xaneiro de 2025

Un filme cada semana...ou cada mes..."The Straight story".


 Acaba de falecer David Lynch, cineasta de culto, tan controvertido como versátil. No  seu cine, habitualmente complexo, escuro e arrevesado,  hai algunha excepción...Parafraseando a unha xornalista que escribiu sobre el estes días, no seu xardín, cheo de plantas exóticas e raras, plantou unha margarida: esta é "The Straight story". O título orixinal xoga co significado adxectivo de "Straight" , en alusión ao feito real en que se basea a historia, e o apelido do protagonista. 

   Na película nárrase a viaxe de varias semanas e cincocentos quilómetros emprendida , a bordo da súa cortadora de céspede, por un ancián, que ve próxima a morte, para reconciliarse co seu irmán gravemente enfermo. É, pois, unha "road movie", xénero moi querido polo cinema estadounidense. Neste xénero, a viaxe, transformadora, é moitas veces  a metáfora da vida, protagonizada por xente xoven no camiño da madureza; neste caso, fálase dunha "road movie inversa" pois é un ancián, que viviu xa todo e, como el mesmo di, sabe separar o gran da palla, quen, en vez de aprender leccións vitais,  as dá aos personaxes que vai atopando.

   A película é luminosa, pero atravesada á vez pola melancolía e a serenidade que dá ter aceptado todo o que a vida fai pasar; ao protagonista (marabillosa interpretación do pouco coñecido actor  Richard Fansworth, identificado como poucas veces se viu no cine co seu personaxe) adiviñaselle unha vida chea de penalidades, algunhas terribles, e un carácter complicado pero recto e honorable. Os personaxes que vai encontrando son  xente boa e do encontro con eles extráense ensinanzas vitais, sinxelas pero transcendentes, nalgúns casos cun suave humor; o retrato do ser humano neste filme é reconfortante.

   O filme é sensorialmente moi atractivo: a fotografía das terras que Alvin vai atravesando, unida a unha banda sonora delicada e hipnótica,  e o ritmo moroso e relaxado da acción, submerxen nunha atmosfera poética moi axeitada á reflexión e ao sentimento.

   "The Straight story" obtivo o recoñecemento unánime da crítica  e foi bastante valorada polo público. É un filme sinxelo, lonxe da complexidade dos filmes anteriores do director, e cuxa mensaxe é que o amor é o que de verdade importa na vida. E, realizado por un director aínda na súa plenitude vital (estreouse en 1999), agora, no seu pasamento, pode recibirse coma o seu testamento cinematográfico.

                                                                                                                      S.P.

Ningún comentario:

Publicar un comentario