domingo, 26 de setembro de 2021

Un libro cada semana...ou cada mes..."O profesor"




   Frank McCourt describe na novela o seu día a día nas aulas de institutos de New York...e, aínda que o parecido entre as aulas nas que se desenvolve o seu traballo e as nosas é mínimo, hai algo, en todo o que conta, no que nos recoñecemos os profesores. Unha mostra:" A aula é un lugar de gran dramatismo. Nunca sabes o que fixeches por e para os centenares de alumnos que chegan e se van. Velos saír da aula: soñadores, apagados, burlóns, con admiración, sorrindo, desconcertados. Ao cabo duns anos, creas unhas antenas. Decátaste de se lles chegaches ou se os fixeches afastarse de ti. É unha química. É psicoloxía. É instinto animal. Estás cos rapaces e, mentres queiras ser profesor, non tes escapatoria. Non esperes axuda por parte dos que fuxiron da aula, dos de arriba. Están demasiado ocupados indo xantar e absortos en pensamentos elevados. Estás só cos rapaces." Os nosos alumnos, se len esta divertida "novela" autobiográfica, verán se se senten identificados con esoutros rapaces, tan afastados xeográfica e culturalmente.
   O libro é, como dixen, moi divertido, o ton é humorístico, retranqueiro (quizais o sangue irlandés de McCourt fai que o seu humor nos resulte moi próximo). E, máis aló de ser una obra moi apetecible para os que vivimos no mundo do ensino, os que pasamos toda unha vida no instituto, a nosa segunda casa,  é unha estupenda novela, ben escrita e moi entretida.
 
                                                                                              S. P.

Ningún comentario:

Publicar un comentario