UN LIBRO CADA
SEMANA
SEMANA DO 17 AO 21
DE AGOSTO DO 2015
Hoxe recoméndovos
que leades, os de cuarto e bacharelato (sen contar xa os de máis de 18), un
libro de Bernardo Atxaga (pseudónimo de
Joseba Irazu Garmendia), publicado no 2009 e esplendidamente traducido por
Ramón Nicolás, Sete casas en Francia.
O tema, lamentablemente, non parece pasar de moda, por dicilo suavemente... É a
explotación do home polo home. O atroz colonialismo dos europeos no Congo
(arrasan con todo: liberdade e dignidade humanas, virxinidades, riquezas
forestais, minerais, sen dó ningún). Un horror, se non fose porque a narración
é áxil, a caracterización dos múltiples personaxes está ben trazada, e hai unha
dose importante de humor, acedo por veces, divertido outras moitas (por
exemplo, cada vez que o capitán Lalande Birán airea as ínfulas de poeta...). A
forma literaria, a literatura nunha palabra, volve redimirnos, en canto que nos
fai pensar de novo en como somos: moi hipócritas cando nos rachamos as
vestimentas económicas porque nos veñen de África os desherdados da terra a
petar á porta, sen relembrar que antes –e non hai tanto- fomos nós á súa casa e
entrámoslles a saco. Non é a primeira vez que un escritor europeo trata este
tema, hai que traer á palestra a Joseph Conrad e a súa coñecida novela Heart of Darkness, pero non sobra
retomar este episodio escuro da historia de Europa en África, esa África ubérrima
que Atxaga debuxa con tanta mestría. Nunca
saberemos o suficiente dos labirintos do corazón do home. Malia todo e
emporiso, espero que saibades gozar deste bo libro.
(Charo Soto)
Ningún comentario:
Publicar un comentario