Habitualmente, as adaptacións de textos literarios ao cine resultan decepcionantes. Especialmente se o texto escrito ten unha carga de profundidade psicolóxica e/ou de reflexión ideolóxica, case sempre na voz do narrador, que tende a perderse, ou empobrecerse, no filme. Pero neste caso, a versión cinematográfica, bastante fiel ao modelo literario, non o desmerece (se James Joyce é un clásico das letras universais, John Huston éo do cine).
O fío argumental é sinxelo: unha reunión para celebrar un baile-cea de Epifanía, que se describe na súa banalidade, deixa paso a un desenlace inesperado e conmovedor, cunha reflexión sobre a vida e sobre o pouso que os mortos deixan nela. A partir deste argumento, o conto de Joyce transcorre coma unha detallada descrición, con toques costumistas, da celebración, cunha tendencia ao protagonismo colectivo, aínda que destaca Gabriel, o sobriño das anfitrioas, que será, finalmente, xunto coa súa muller, Gretta, o protagonista da mensaxe final do conto, e cuxo punto de vista, a través do uso do monólogo interior, alterna co do narrador externo; no filme, este monólogo redúcese a momentos moi puntuais.
Os personaxes, aínda que non demasiado desenvolvidos psicoloxicamente (con tendencia á caracterización indirecta), son unha significativa representación da burguesía irlandesa de principios do século XX, con leves pinceladas de clasismo (no conto, non no filme, a propósito das orixes de Gretta), racismo (nos comentarios de Freddy Malins sobre un cantante negro) ou nacionalismo (no personaxe de Molly Ivors, que aporta, ademais, un toque levemente humorístico a dúas obras, especialmente a cinematográfica, bastante serias).
Tanto o conto coma o filme resultan morosos na descrición da reunión, e é só na parte final onde se revela a verdadeira intención dos autores, moito máis transcendental do que o desenvolvemento podía facer pensar. Para min a película é superior ao conto na suxestión, ao longo de case toda a metraxe, da presenza deses mortos do título aboiando silentes sobre os vivos; a iso contribúe a melancólica banda sonora e a fotografía, na que contrasta a brancura e a frialdade da neve (simbólica en ambas obras) coas cores cálidas, pero un pouco escurecidas, do interior, onde se desenvolve practicamente toda a acción . O feito de desenvolverse toda a acción en interiores, xunto coa importancia dos diálogos (que contribúen á caracterización indirecta dos personaxes) dan ás obras un toque claramente teatral. Polo contrario, o relato supera ao filme nas reflexións da voz narradora e, sobre todo, de Gabriel, que se resumen ao mínimo na película.
Creo que para o alumnado que desexe iniciarse na lectura de James Joyce, "Os mortos" pode ser un bo punto de partida, antes de somerxerse en lecturas máis complexas, completado coa visión da fermosa película, a última, a súa despedida, de John Huston.
S. P.