domingo, 8 de decembro de 2024
xoves, 21 de novembro de 2024
domingo, 17 de novembro de 2024
domingo, 27 de outubro de 2024
Un relato, e o filme baseado nel, cada semana...ou cada mes..."Os mortos"(Dublineses).
Habitualmente, as adaptacións de textos literarios ao cine resultan decepcionantes. Especialmente se o texto escrito ten unha carga de profundidade psicolóxica e/ou de reflexión ideolóxica, case sempre na voz do narrador, que tende a perderse, ou empobrecerse, no filme. Pero neste caso, a versión cinematográfica, bastante fiel ao modelo literario, non o desmerece (se James Joyce é un clásico das letras universais, John Huston éo do cine).
xoves, 24 de outubro de 2024
martes, 24 de setembro de 2024
venres, 23 de agosto de 2024
Un filme clásico...en homenaxe a Alain Delon.
Reproducimos da recensión, publicada o 25 de xuño, da novela "Il gatttopardo" e da súa versión cinematográfica, a parte referida a esta última, como homenaxe a un dos seus protagonistas, Alain Delon, que acaba de falecer. Un grande do cinema, propietario dun dos físicos máis fermosos da historia, dunha personalidade difícil, por veces conflitiva, politicamente incorrectísima pero sempre sincera e inconfundible. Un actor versátil a quen, creo, a súa beleza lle impediu por veces ser valorado polo seu facer e que, no caso da película que comentamos, non dos seus mellores papeis pero si dos máis populares, se identificou tanto co personaxe que interpretou que cada vez que relemos o libro, sentimos que el é Tancredi. Descanse en paz.
martes, 6 de agosto de 2024
Un libro cada semana...ou cada mes..."Crónicas marcianas".
Neste mes, cheo de viaxes, algunhas a lugares exóticos e afastados, e, aproveitando a recente descuberta de posible vida en Marte, recuperamos unha das primeiras recensións publicadas neste blog.
Publicado en 1960, "Crónicas marcianas" narra a colonización de Marte por parte dos terrícolas, entre 1990 e 2026. Trátase dunha obra de ciencia-ficción que, lida hoxe, época en que se desenvolvería a súa acción, resulta encantadora pola inocencia coa que pinta as viaxes interplanetarias e a vida en Marte.
A obra está moi ben escrita, alternando momentos de fermoso lirismo con outros de áxil estilo narrativo, moi cinematográficos. Pódese desfrutar coma obra de puro divertimento pero tamén coma crítica da soberbia do ser humano, que tenta de impor a súa "civilización" mesmo alí onde xa existe outra. Non podo dicir que é o que non me gusta porque me gusta todo: é un clásico da narrativa do século XX.
martes, 25 de xuño de 2024
Un libro, e a súa versión cinematográfica, cada semana...ou cada mes..."Il gattopardo"
Un clásico que gaña con cada relectura, que se fai inmenso a medida que imos cumprindo anos e que, como obra mestra que é, ten varias "capas" de lectura, a máis profunda das cales trata sobre un dos grandes temas da literatura: o poder devastador do paso do tempo.
Desde a perspectiva do protagonista, Don Fabrizio, príncipe siciliano en cuxo escudo familiar figura o felino que dá título á novela, asistimos, no contexto histórico da unificación italiana, á transformación da antiga sociedade aristocrática noutra onde irrompe unha nova clase dominante: a burguesía arribista . Os que coñezan a obra de Otero Pedrayo, recoñecerán o tema nas novelas que tratan a decadencia da fidalguía galega.
A obra pode catalogarse como novela histórica, pero ademais, ou especialmente, como novela de personaxe pois, a pesar de ter un narrador externo, toda ela, excepto a breve parte final, un epílogo tras a morte do protagonista, está contada desde a perspectiva de Don Fabrizio, quen observa, cunha mestura de melancolía e irónico humor amargo, a realidade que o rodea. De novo lembramos a Otero Pedrayo, e algúns dos seus fidalgos, personaxes con luces e moitas sombras, coma Don Fabrizio, pero presentados con afecto polos seus creadores, membros da mesma clase social.
A crítica dixo que Don Fabrizio está inspirado no bisavó do autor, pero probablemente a súa visión da vida sexa tamén a do propio autor, un home xa preto da morte (a novela publicouse postumamente). E, aínda que, como se dixo, o paso implacable do tempo e a morte inevitable son o grande tema da obra, nesta latexa a Vida; cunha expresividade e unha penetración psicolóxica admirables, Tomasi di Lampedusa pinta, en escenas, cadros da vida da familia e do contorno do protagonista, quen, aínda que no esplendor da súa madureza, sabe que o destino último do ser humano é morrer.
A novela, publicada en 1958, tivo, en 1963, unha versión cinematográfica, considerada obra mestra até o punto de ser, para moitos, un dos infrecuentes casos en que a película é superior á obra literaria na que se basea, opinión coa que non concordo. "Il gattopardo" de Visconti é unha adaptación relativamente fiel da novela, con algunha licenza de peso, como a eliminación dos capítulos finais, co que a morte do protagonista só fica suxerida no filme. Ademais, o punto de vista de don Fabrizio, as súas reflexións e observacións, (tan importantes na novela), fican esvaecidas no filme, substituídas por xestos, silencios, olladas na, por outra banda, moi celebrada interpretación de Burt Lancaster quen, porén, non consegue transmitir todos os matices emocionais do personaxe.
A película é visualmente moi fermosa, a fotografía excelente, en especial na reprodución da areosa e poeirenta terra siciliana; hai, ademais, escenas que parecen cadros, que representan moi ben a mestura de luxo e decadencia en que vive a familia protagonista. Os personaxes tenden, en xeral, á caricatura; esta tendencia ao exceso bufo non a percibín tan claramente na novela, onde o ton é acedamente irónico.
A narración resulta un pouco plana, ás veces parece que non avanza, que se recrea en exceso nos detalles (moi expresivamente, un espectador dixo que na película había "demasiados complementos circunstanciais" ) e hai certa desproporción na súa estrutura ( a famosa escena do baile é, para algúns, o miolo temático do filme mentres para outros é excesivamente longa). En todo caso, a película como dixemos, respecta bastante fielmente a obra de Tomasi di Lampedusa e está considerada un clásico.
S.P.
venres, 31 de maio de 2024
domingo, 19 de maio de 2024
venres, 19 de abril de 2024
martes, 2 de abril de 2024
Un libro cada semana...ou cada mes..."Corazón que ri, corazón que chora"
Recuperamos esta recensión, publicada hai case dous anos, coma homenaxe a unha grande dama das letras, falecida hoxe.
Maryse Condé, escritora francesa nacida en Guadeloupe, Premio Nobel Alternativo en 2018, lembra, cunha sinceridade por veces sorprendente pola súa dureza cara a si mesma e á súa familia, a súa infancia de nena de clase acomodada que non entende moitas cousas da sociedade colonial na que vive. Racismo, autoodio, clasismo, hipocresía social...observados por unha rapaza que vai describindo unha realidade, a súa e a da súa terra, difícil e moi complexa. É moi expresiva a pintura que fai da Guadeloupe da súa infancia, feita cunha linguaxe clara e directa, amosando os sentimentos de xeito sutil e profundo, con grande penetración psicolóxica e espindo sen pudor a súa alma e a da sociedade "créole" que, por debaixo da súa riqueza cultural, agocha unha grande dificultade de convivencia.
S.P.