domingo, 28 de marzo de 2021

Un libro cada semana...ou cada mes..."A última pregunta", de Isaac Asimov.


 A historia cóntanos como, a partir dun simple día, dous seres humanos, nunha situación moi común, formuláronlle unha singular pregunta á poderosa computadora coñecida como "Multivac", o computador central que dirixe e controla a actividade humana. Logo, a partir do evento, preséntansenos distintas especies da humanidade, vivindo en intervalos de tempo separados por billóns e trillóns de anos , que lle van facendo esa mesma pregunta á computadora que controla cada unha das súas épocas...E así cóntasenos a evolución do Universo e da humanidade que trata de resolver a última pregunta, a que quedará cando o destino e o tempo xa acabaron: é posible reverter o inevitable final do Universo ou o mundo debe acabar de todos os xeitos?

Para min non existe conto de máis beleza que este do xenio Asimov. Un conto que nos fai pensar no poder que ten o ser humano para converterse en deus grazas ao seu intelecto e o avance tecnolóxico.  A primeira vez que lin este conto, lémbrome que estaba escoitando a Novena Sinfonía de Beethoven de fondo; chegar a ese estrmecedor final mentres está soando o "Himno á alegría" foi unha experiencia que mellorou a lectura. 

É un conto bastante curto pero intenso, onde os personaxes non son realmente relevantes. Metaforicamente podería compararse á nosa sociedade, xa que como individuos non importamos demasiado pero como especie podemos apoderarnos do noso entorno e gañar relevancia neste vasto universo. Como é un conto de ciencia ficción, case todo sucede no futuro, aínda que tampouco se indaga moito na tecnoloxía e na forma de vida dos humanos no conto, fálase principalmente das súpercomputadoras e dos sentimentos dos humanos. 

Recomendo esta lectura a todo o mundo, gústelle ou non a ciencia; é un conto que che pode brindar unha experiencia única se entendes todo o "trasfondo" do que está falando.

                                                       Roberto Lara Míguez, 1º Bacharelato Adultos.

                                                        





domingo, 21 de marzo de 2021

Un libro cada semana...ou cada mes..."O enigma da habitación 622"


 Unha noite de decembro, un cadáver aparece prostrado no chan da habitación 622 do hotel Palace de Verbier, un hotel de luxo situado nos Alpes suízos. A investigación non chegará a ser solucionada e  o paso do tempo fará que a xente o esqueza. Moitos anos despois, o escritor Joel Dicker chega a ese mesmo hotel para recuperarse dunha perda sentimental e non  imaxina que acabará investigando o vello crimen xunto cunha bela hóspede chamada Scarlett.

Un libro totalmente recomendable  xa que está moi ben construído  e trasládate á trama.
                                              Pablo Miñambres López Perea, 2º Bacharelato Adultos.

domingo, 14 de marzo de 2021

U filme cada semana...ou cada mes..."American sniper"(O francotirador).


 O francotirador e SEAL da Mariña estadounidense, Chris Kyle, salva moitas vidas nos campos de batalla en Iraq, mentres se esforza por ser un bo marido e pai, na súa volta aos Estados Unidos.

É unha película de acción un pouco lenta, que conta a historia real dun francotirador dos Estados Unidos, e os problemas que ten un soldado cando regresa á casa, despois de ver tanta guerra e matar tanta xente. Non hai, en todo caso,  que esquecer que é unha película e sempre hai algunha modificación...

                           Carlos Andrés Lemus Holguín, ESA 3, Adultos.

domingo, 7 de marzo de 2021

Un fime cada semana...ou cada mes..."Palmeras en la nieve"


 

  O descubrimento dunha carta esquecida durante anos, empuxa a Clarence a viaxar a Bioko para visitar a terra na que o seu pai, Jacobo, e o seu tío, Kilian, pasaron a maior parte da súa xuventude, unha illa chamada Fernando Poo. Alí experimentarán a amizade, o amor, o odio e o contraste dunha vida social lixeira e espontánea oposta á rixidez da sociedade española.

  Esta película paréceme un bo exemplo para saber que todos somos iguais e merecemos igualdade e o mesmo trato.Téñase en conta que esta película non é para todos os públicos porque pode ferir sentimentos.

                                       Albert Rafael Vargas González, ESA 2, Adultos.


domingo, 28 de febreiro de 2021

Un filme, baseado nun cómic, cada semana...ou cada mes..."María y yo"


   O filme, documental, trata dunha nena con autismo cuxos pais se decatan da  súa condición  cando ten once meses...a medida que a nena vai crecendo, a autismo nótase máis...Na película, cóntase como cada ano o seu pai a visita en Canarias, onde ela vive coa súa nai, e pasan uns días de vacacións xuntos. O filme mostra como os pais aprenden pouco a pouco a tratar á súa filla e a saber o que lle gusta; seu pai trata de darlle os mellores momentos para que ela estea feliz.

Gustounos ver o amor que teñen os pais pola súa filla, e como buscan unha escola onde poidan axudar a María a potenciar as súas capacidades...aínda que algúns pensamos que podían estimulala máis, e que os pais debían estar xuntos para poder axudala mellor...Certamente, ter un fillo ou unha filla con autismo é todo un reto que non todo o mundo sabería levar tan ben como o fan os protagonistas.

                                                    Alumnado ESA 1, Adultos.

Nota: o cómic sobre o que se basea o documental e a súa continuación, "María cumple 20 años" están á vosa disposición na biblioteca do instituto.
 

domingo, 21 de febreiro de 2021

Un libro cada semana...ou cada mes..."Historia de una gaviota y del gato que le enseñó a volar"




Historia de una  gaviota y del  gato que le enseñó  a volar é un libro que apela principalmente ao publico infantil e relata as aventuras de Zorbas, un gato «grande, negro e gordo» cuxo inquebrantable sentido do honor o conduce un día a comprometerse a criar un pitiño de gaivota. A nai do pitiño, unha fermosa gaivota de plumas douradas, atrapada por unha ola de petróleo vertido no mar por un buque embarrancado, lle entrega a Zorbas, pouco antes de morrer, o ovo que acaba de poñer. Zorbas, un gato de palabra, terá dificultades para cumprir con dúas importantes promesas: non soamente criará ao pitiño, senón que lle ensinará a voar. Os amigos de Zorbas, Secretario, Sabelotodo, Barlovento e Colonello,  axudarano coas súas novas responsabilidades, xa que axiña se verá, como era de esperar, que coidar dun pitiño de gaivota non é tan fácil para un  gato máis ben acostumado á dura vida no porto.

Escollín esta novela baseándome noutra novela do mesmo autor que previamente lera: "Un viejo que leía novelas de amor". Xa por entón cativoume a maña do autor para concienciar sobre os danos que o home exerce na natureza e, descubrindo axiña que esta novela toucaba, aínda que de xeito máis superficial, o mesmo tema, pensei que probablemente se trataría dunha boa lectura.
Non me arrepinto de ler esta novela. En primeiro lugar, debido ao uso simple da lingua que fai pola audiencia infantil que pretende apelar, lese en apenas un par de horas. A novela consegue relatar unha historia adorable chea  de ensinanzas para a vida das que non soamente os máis novos poden aprender. Así, a perseveranza  que Zorbas, o gato negro, posúe, lle serve para cumprir a difícil promesa de coidar de Fortuna, o pitiño da gaivota. Por outra banda, os gatos amigos, Secretario, Sabelotodo, Barlovento e Colonello,  ensinan unha característica importante da amizade, mostrándose axiña tamén ávidos de coidar de Fortuna e que así Zorbas non teña que facelo todo por sí mesmo. A novela ensínanos tamén a superar os nosos temores máis grandes con entrañables oracións tales como "Soamente voa o que se atreve a facelo". Sen embargo, existen cousas que desta novela non acabaron de convencerme. Aínda que empatizar con Zorbas e os seus amigos gatos non me resultou difícil, nunca puiden sentir verdadeiro cariño por Fortunata, o pitiño da gaivota, máis do que me suscitou saber que era o principal personaxe motor da historia. Ademais, pareceume que se podería ter  conseguido falar de polución de forma menos directa, por exemplo, a través do uso de metáforas. Os exemplos que ao longo da historia encontramos referentes aos danos que o home causa na natureza séntense forzados, como se o autor non soubese instruír sobre o tema dun xeito máis sutil, cousa que, en realidade, non é así, como se pode percibir  a través da lectura da súa outra obra anteriormente mencionada. Pero realmente penso que os aspectos positivos da novela conseguen esvaecer estas nimiedades. É motivo de tristeza para mín non poder falar das últimas 20 páxinas da novela que, na miña opinión, foron fascinantes, porque  arruinaría a trama dunha obra  que supón unha travesía que calquera na busca de, polo menos, un ápice de esperanza, debería emprender.
                                                                           C. P. , Bacharelato Adultos.

domingo, 14 de febreiro de 2021

Un libro cada semana...ou cada mes..."o misterio das catro cartas"



 O gran detective belga empeza o día con mal pé: unha muller moi anoxada  espérao na porta da súa casa. Chámase Sylvia Rule e  cun ton esixente pide coñecer o motivo polo cal Poirot envioulle unha carta acusándoa do asasinato de Barnabas Pandy, un home que non coñece. O problema é que Poirot non mandou ningunha carta e ademais non coñece ao señor Pandy. O desconcerto que ten é total, cando, horas máis tarde, descobre que no seu salón espera  un descoñecido que tamén afirma ter recibido unha carta asinada do seu puño e letra esa mesma mañá e que, sorprendentemente, o acusa tamén do asasinato do señor Barnabas...

 Volve Hércules Poirot nunha novela onde o misterio está asegurado.

                   Pablo Miñambres López- Perea, 2º Bacharelato Adultos.