luns, 22 de agosto de 2016

Un libro cada semana...ou cada mes..."As lágrimas de Shiva" de César Mallorquí



   A novela trata du neno chamado  Xabier, o cal tivo  que ir á casa dos seus tíos no verán a causa de que seu pai estaba moi enfermo; ao chegar non lle gustou nada o ambiente, moi tranquilo e silencioso, pero enseguida levouse coa súa curmá, Violeta, xa que unha pantasma familiar os uniu para que averiguasen o que lle ocorrera...
   O libro gustoume moito porque ten un pouco de todo o que me gusta: misterio e amor; misterio de investigar a desaparición da antepasada e o amor que vai xurdindo entre Violeta e Xabier. Pareceume un libro moi bon e recoméndoo.
                                                                                         Ainara Santiago.
  

luns, 15 de agosto de 2016

Un libro cada semana...ou cada mes..."O ciclo da lúa vermella" de José Antonio Cotrina.



 
   Esta historia trata duns mozos que  son  levados a  Rocavarancolia, un mundo totalmente descoñecido para eles.  Grazas á maxia logra sobrevivir a maior parte dos nenos, aínda que un morre e dous están feridos...mentres os nenos intentan sobrevivir, o consello real intenta descubrir a causa da norte dun dos membros. Que pasará cando chegue a Lúa Vermella?...e cantos sobrevivirán?
   Este libro pareceume que está moi ben escrito; enténdese todo moi ben e non é difícil de ler. O tema é dos que me gustan, que son os de fantasía e acción. O título pareceume moi orixinal.
   A historia mostra que é difícil que os adolescentes vivan ben sós, pero con esforzo o poden lograr.

                                                                                       Alejandro Cabana Noguera.

luns, 8 de agosto de 2016

Un libro cada semana...ou cada mes... "Nunca serei o teu heroe", de María Menéndez Ponte.



 
   Andrés é un rapaz que vai ao instituto onde ten o seu grupo de amigos, grazas aos cales acabará sacando o curso con moi boas cualificacións. A Andrés encántalle facer cómics e a súa profesora de Literatura fíxase nel e acabará conseguindo que o contraten nunha editorial para poder sacalos á luz.
   Creo que é un dos mellores libros para adolescentes que coñezo. Faise moi ameno e apetece lelo, ademais de que reflicte os problemas que teñen algúns mozos na actualidade;  tamén transmite valores, coma o non ao racismo, ser bo amigo, no bo e no malo, non xulgar á xente a primeira vista  e superar as túas propias metas.
                                     
                                                                                    Javier Verdote.

luns, 1 de agosto de 2016

Un libro cada semana...ou cada mes..."O código Da Vinci", de Dan Brown.




   Ao morrer, Jacques Saunière deixou unha mensaxe oculta á súa neta, Sophie. Coa axuda de Robert Langdon logran resolver un misterio no que estaban involucrados os sucesores dos templarios e o buscadísimo Santo Grial. Segundo este libro, o Santo Grial non é o que pensamos....
   O libro encantoume,  simplemente, xa que a min me encantan las polémicas e iso é o que máis creou este libro, polémica. Tamén me encanta porque sempre me atraeron as historias de misterio e suspense.
  Outro día falarei da versión cinematográfica protagonizada por Tom Hanks,  que me pareceu tamén moi boa.
                                                                                            Alicia Cabana.
 

martes, 26 de xullo de 2016

Un libro cada semana...ou cada mes... "Morte desde seis vinte e cinco", de Jordi Cervera





  A novela trata dun xogador de baloncesto ao que lle asasinan a muller e o fillo mentres xogaba un partido moi importante; ademais, o sarxento Pons e a súa tropa atopan unha vinganza moi elaborada. Os axentes da lei terán que descubrir o dobre crime e demostralo pouco a pouco.
   Na miña opinión, a novela é moi boa, gústame a maneira de relatar a historia,  a descrición dos personaxes (o protagonista cáeme moi ben), e o tema (o baloncesto é o meu deporte); ademais, gústanme as novelas de asasinatos, outro punto ao seu favor. Só me falla unha cousa: os afeccionados do clube de Ray, o protagonista,  son un pouco aloucados...o resto, na miña opinión, perfecto.
 
                                                                          Bruno Fernández Villar. 

luns, 18 de xullo de 2016

Un libro cada semana...ou cada mes..."O gardián entre o centeo" de J.D.Salinger



   Un adolescente de 17 anos acaba expulsado do colexio onde estuda. Vai a New York, alóxase nun hotel e vai de bar en bar, até que ao final acaba indo á casa dos seus pais, ás agachadas, para que non soubesen nada da expulsión. Vai falar coa súa irmá para contarlle que se vai ir da casa pero ao final non o fai e fica cos pais.
   A novela está narrada en primeira persoa polo protagonista, adolescente que se converteu nun exemplo da rebeldía desta idade; desenvólvese en diversos lugares de New York e presenta algúns saltos temporais. Parece que se converteu nun best seller desde o momento da súa aparición e é unha das obras máis lidas nos institutos de USA. A min pareceume un libro moi bo, seguramente dos meus favoritos; resultoume moi entretido e léndoo pasoume o tempo moi rápido.
                                                                                
                                                                                                         ManuelViñas Silva. 
 


luns, 11 de xullo de 2016

Un libro cada semana...ou cada mes... "Segundas oportunidades" de Rainbow Rowell



   Esta novela trata dun matrimonio con problemas pero que non lles dan importancia, até que ela ten que quedar por traballo e el vaise coa súa familia; pero cando ela o chama  polo teléfono  da casa da súa nai, nota que o seu marido non é o mesmo...
   O libro gustoume moito xa que non é a historia de amor típica de adolescentes, senón de persoas bastante maiores, e a verdade é que ao principio asustoume un pouco iso, o feito de que os protagonistas fosen moito maiores ca min, pensaba que non ía empatizar moito con eles pero a verdade é que si. Pareceume moi orixinal o do teléfono da casa da nai que chama ao pasado, dálle un punto moi interesante. Tamén me gustaron os saltos no tempo que dá, lembrando tanto os momentos bonitos coma outros que non o eran tanto, con Neal.
   É unha  historia realista porque fala dos problemas cotiáns que temos todos, pero tamén ten un punto de fantasía co do teléfono. Metinme moito na historia e non podía parar de ler.

                                                                            Pilar López de la Osa.