luns, 22 de setembro de 2014

UN LIBRO CADA SEMANA

UN LIBRO CADA SEMANA (SEMANA DO 22 AO 26 DE SETEMBRO)


Kokoro, palabra que se pode traducir aproximadamente como "corazón", "interior", "espírito", "alma"... é o título dunha das novelas do escritor xaponés Natsume Soseki, un dos  máis clásicos entre os  autores do Xapón moderno.


   A novela narra a relación entre un xoven estudante e un enigmático home ao que o xoven considera o seu "sensei" (mestre). Malia ter pouca acción, é unha obra apaixonante; eu definiríaa como thriller psicolóxico, pois, desde o principio, a historia do misterioso "sensei "  nos atrapa, até un desenlace dramático que explica todos os porqués que van xurdindo ao longo da lectura.
   É una obra moi sobria, tanto no estilo, sinxelo e claro, como no que conta, a historia emocional dos protagonistas, especialmente a de "sensei", e isto, a pesar do transcendental dos sentimentos narrados. Preséntanos unha sociedade  moi diferente da nosa e á vez manifesta a universalidade das paixóns humanas.
   Unha boa maneira de achegarse a unha literatura non demasiado coñecida aquí. Encantoume.
(Susana Piensos Linares, profesora de Lingua Galega e Literatura do IES 'Eusebio da Guarda')
 

Ningún comentario:

Publicar un comentario